O Concello de Ourense abre unha nova convocatoria de axudas destinada a asociacións e entidades sen fin de lucro que desenvolvan actividades de interese ou promoción social na cidade.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto até o 18 de agosto, incluído.
Ourense reserva 325.000 euros para apoiar entidades sociais sen ánimo de lucro
Estas subvencións, cun orzamento total de 325.000 euros, concederanse en réxime de concorrencia competitiva. O obxectivo é financiar programas, proxectos ou actividades no ámbito dos servizos sociais que teñan un claro impacto na comunidade, especialmente naqueles colectivos en situación de vulnerabilidade social.

A convocatoria está dirixida a entidades que traballen sen ánimo de lucro e que promovan iniciativas consideradas de interese público ou social. Os proxectos deberán centrarse en mellorar a calidade de vida das persoas, fomentar a inclusión e atender necesidades básicas ou emerxentes da cidadanía.
As bases da convocatoria, así como toda a información necesaria para realizar a tramitación, están dispoñibles na web municipal e na sede electrónica do Concello de Ourense. Ademais, o Boletín Oficial da Provincia número 134, publicado o martes 15 de xullo, recolle o extracto oficial da convocatoria.