Noticias

Arrancan as obras para conectar A Ponte co Vinteún

O Concello de Ourense comezou este luns as obras do Proxecto Construtivo do Sistema de Elevación Vertical na Avenida de Marín ao seu paso baixo a Avenida de Santiago.

Desde o concello consideran clave esta actuación para mellorar a accesibilidade e a mobilidade na cidade.

Arrancan as obras para conectar A Ponte co Vinteún

O alcalde Gonzalo Pérez Jácome, acompañado de varios membros do goberno local, achegouse esta mañá á zona para supervisar o inicio dos traballos. “Este proxecto representa un paso importante para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ourense”, asegurou o rexedor, destacando que “rompe unha barreira histórica ao facilitar a accesibilidade entre o barrio da Ponte e o Vinteún”.

Arrancan as obras para conectar A Ponte co Vinteún
Foto: Concello de Ourense

Un ascensor para superar un desnivel de 8 metros

Na actualidade, a conexión entre ambas as avenidas realízase unicamente por unhas escaleiras que salvan un desnivel de 7,87 metros. A nova infraestrutura consistirá na instalación dun elevador vertical dentro dunha estrutura metálica acristalada, que permitirá salvar a diferenza de cota tanto a peóns como a ciclistas, que ata agora atopaban dificultades polas pendentes do terreo.

A intervención complétase cunha pasarela que conectará o desembarco do ascensor na Avenida de Santiago co muro da vía, mantendo as escaleiras como alternativa complementaria.

Orzamento, prazos e financiamento

A obra, adxudicada á empresa Extraco Construccións e Proxectos S.A., conta cun orzamento total de 368.937,03 euros. O financiamento provén maioritariamente de fondos propios do Concello (290.051,30€). Este proxecto tamén recibe unha achega de 78.885,73€ procedente dos fondos Next Generation, no marco da segunda convocatoria da orde TMA/892/2021.

O prazo de execución previsto é de cinco meses, co obxectivo de que a nova infraestrutura poida estar operativa nas festas do Nadal.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.