O concelleiro-portavoz do BNG en Ourense, Xosé Luís Seara, solicita o respaldo do pleno municipal ás demandas da veciñanza afectada polos recortes de servizos ferroviarios
A proposta busca ser debatida e aprobada no vindeiro pleno ordinario, previsto para o venres 1 de agosto.
O BNG pide ao Concello que respalde á Plataforma do tren na Gudiña
O voceiro do BNG no Concello de Ourense, Xosé Luís Seara Fernández, vén de solicitar formalmente ao Goberno local a redacción dunha declaración institucional consensuada por todos os grupos políticos para apoiar as reivindicacións da recentemente creada Plataforma en defensa do tren na Gudiña.

A iniciativa xorde tras os recortes de varios servizos ferroviarios diarios que afectan á estación da Gudiña. Esta estación é considerada clave para a mobilidade das comarcas de Valdeorras, Monterrei, o Bierzo e mesmo do norte de Portugal. Segundo explicou Seara, esta supresión de trens “está a causar un grave prexuízo ás usuarias e usuarios, que demandan recuperar as frecuencias previas, especialmente os trens de primeira hora da mañá e última da tarde en ambos sentidos”.
O BNG lembra que a estación da Gudiña, ademais de ser unha porta de entrada a Galicia pola rede de alta velocidade, rexistrou máis de 40.000 viaxeiros no ano 2024. Esta cifra evidencia a súa relevancia estratéxica para o desenvolvemento territorial.
Seara apelou á responsabilidade institucional do Concello de Ourense para “implicarse e amosar publicamente o seu apoio” á plataforma. A mesma integra a alcaldes, asociacións e veciñanza das zonas afectadas. “É unha cuestión de xustiza territorial e de dereito á mobilidade para milleiros de persoas”, subliñou.
A declaración proposta polo BNG pretende deixar constancia do compromiso da cidade co mantemento e mellora das conexións ferroviarias na provincia e co equilibrio territorial.