Noticias

O PSdeG reclama homenaxe pública ás vítimas ourensás da represión franquista

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense impulsa a creación dun grupo escultórico nos arredores do Arquivo Provincial como homenaxe ás vítimas ourensás da ditadura franquista.

A iniciativa foi anunciada pola secretaria xeral local e voceira no Concello, Natalia González. O anuncio tivo lugar durante o acto de lembranza ao primeiro alcalde socialista da cidade, Manuel Suárez, fusilado o 27 de xullo de 1937.

O PSdeG reclama homenaxe pública ás vítimas ourensás da represión franquista

A proposta inclúe a instalación dun conxunto escultórico cun listado dos nomes das vítimas. Tamén inclúe o cambio de nome da actual praza da Biblioteca Nós pola de Praza da II República, e que se declare todo o espazo como lugar de memoria. O PSdeG presentará a iniciativa ao pleno municipal este venres.

O PSdeG reclama homenaxe pública ás vítimas ourensás da represión franquista
Foto: PSdG-PSOE

González tamén esixiu ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a constitución do Consello Municipal da Memoria. “Un goberno que da as costas ao seu pasado non pode mirar cara o futuro”, afirmou.

Ao acto asistiu o secretario de Memoria Democrática do PSdeG, Iván Puentes. Este destacou que “o PSOE e o Goberno de Pedro Sánchez son garantes da liberdade e da democracia, especialmente en tempos nos que o avance da ultradereita ameaza as liberdades conquistadas”.

Puentes subliñou que non se pode entender o actual Estado democrático sen o sacrificio dos mártires da II República. “40 anos de ditadura non foron quen de enterrar ese legado” destacou Puentes.

Lembranza de Manuel Suárez e Antonio Taboada

Tamén interveu Miguel Gómez, secretario de Xuventudes Socialistas, que lembrou a figura de Antonio Taboada Nóvoa, fusilado a mesma noite que Suárez con só 29 anos: “Foron baluartes dun soño republicano truncado por un golpe de Estado, non por vontade popular”.

Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Democrática da CEP, repasou a vida e traxectoria de Manuel Suárez. Carrión destacou o seu compromiso político e sindical, e salientou que “traballar na memoria é mirar polo futuro da nosa sociedade”.

Ao acto sumáronse tamén o secretario de Memoria Democrática da CEM, Francisco Javier Quintas; o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila; o secretario de organización de UGT, Daniel Fernández, así como familiares de Manuel Suárez. Todos recordaron con emoción á súa filla. Lolita Suárez, faleceu a finais de 2024 aos 100 anos, tras unha vida de militancia incansable polos ideais do seu pai.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.