Ribeiro en Común volve levantar a voz para reclamar a inmediata cobertura da praza de pediatría no centro de saúde de Ribadavia, que tamén é Punto de Atención Continuada (PAC) comarcal.
A formación denuncia que, unha vez máis, as familias do Ribeiro atópanse sen atención pediátrica. Esta situación que cualifican de “inaceptable” lembran, “non é nova”.
Ribeiro en Común esixe ao Sergas restablecer o servizo de pediatría en Ribadavia
O grupo critica a inacción do goberno local e denuncia os prexuízos que esta situación causa ás familias da comarca.

Nos últimos días, varias nais trasladaron as súas queixas ao grupo municipal despois de atopar o servizo de pediatría pechado ao acudir ao PAC cos seus fillos. Desde Ribeiro en Común denuncian que os profesionais non están a ser substituídos durante as súas vacacións ou baixas. Isto obriga ás familias a desprazarse ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para recibir atención.
A formación lembra que esta carencia repítese sistematicamente en períodos como agosto, decembro ou xaneiro. Asegura que “o Partido Popular continúa sen cubrir os postos, mesmo agora que tamén goberna en Ribadavia, co que a complicidade do executivo local cos recortes na sanidade pública galega é evidente”.
Ribeiro en Común insta ao alcalde a deixar de gardar silencio e a poñerse do lado das familias. Solicitan que reclame publicamente a recuperación inmediata dun servizo que consideran básico. “Non se pode seguir normalizando a falta de pediatras nunha comarca enteira, onde hai nenos e nenas que precisan atención médica adecuada”, afirman.
Por todo isto, o grupo volve dirixirse ao Sergas para que reforce de maneira urxente o servizo pediátrico na comarca e restableza con carácter inmediato a atención no PAC de Ribadavia.