A Asociación Cultural Rebulir presentou a convocatoria do Certame IDENTIFIC-ARTE 2025 de expresións culturais, que se desenvolverá durante este mes en Ramirás co apoio das axudas Iniciativa Xove da Xunta de Galicia.
A principal novidade desta edición é a incorporación dunha categoría infantil para participantes menores de 12 anos.
Rebulir lanza o Certame IDENTIFIC-ARTE 2025 con nova categoría infantil
Con esta medida, a organización busca impulsar a creatividade desde idades temperás e dar maior visibilidade ao talento máis novo da comarca.

O certame mantén tamén a súa categoría absoluta, aberta a persoas maiores de 12 anos. En ambas modalidades poderán presentarse propostas de fotografía, artes plásticas, literatura e proxectos de intervención comunitaria. As creacións deberán poñer en valor o patrimonio cultural, histórico, natural e social de Ramirás e da Comarca de Terras de Celanova.
Prazo e inscricións
As persoas interesadas poderán enviar os seus traballos ata o 22 de setembro ás 22:00 horas, mediante correo electrónico a rebulir@hotmail.com co asunto “Certame Identificarte 2025”.
Premios previstos
Na categoría absoluta haberá tres galardóns principais:
- 1º Premio: Diploma e tablet de última xeración.
- 2º Premio: Diploma, cascos inalámbricos e lote de libros.
- 3º Premio: Diploma, lote de artesanía galega e lote de libros.
Na categoría infantil entregaranse tres premios con diploma e agasallos adaptados á idade das persoas galardoadas.
Desde a Asociación Rebulir subliñan que o obxectivo vai máis alá do estímulo artístico: preténdese reforzar a identidade local e o compromiso coa comunidade, promovendo que a cultura e a creatividade sexan un motor de cohesión social en Ramirás.