O PSdeG-PSOE de Ribadavia denunciou que o Concello perdeu unha subvención da Xunta de Galicia de 40.000 euros destinada ao punto limpo por carecer do permiso e da licenza de actividade.
Os socialistas consideran que se trata dunha “nova chapuza” do goberno local do Partido Popular, ao que acusan de “gastarse os cartos e ter que devolvelos pola súa pésima e neglixente xestión”.
O PSOE denuncia perda de subvención para o punto limpo de Ribadavia
O grupo municipal lembra que xa en xaneiro de 2021 advertira da situación irregular do punto limpo, que funcionaba sen licenza e con informes “demoledores” da Deputación de Ourense. Estes informes rexeitaban o acceso dende a OU-0305 por non cumprir co vehículo patrón nin coas distancias de visibilidade necesarias, ademais de carecer da sinalización axeitada e de limitacións seguras para os movementos dos camións.

“Tras catro anos, o punto limpo segue sen funcionar nin contar con licenza, mentres os problemas de circulación seguen sen resolverse”, critican os socialistas. O PSOE reclama que se abandone este proxecto “ilegal” e se cree unha nova instalación “nun emprazamento axeitado, como o polígono industrial”, xa que —din— “non serve de nada investir cartos que logo hai que devolver”.
Ademais, acusan ao alcalde de “mentir descaradamente” por asegurar en 2021 que a licenza da Xunta estaría lista en 10 ou 12 meses e que existía un informe favorable da Deputación. “Se ese informe era certo, non entendemos como seguimos igual despois de catro anos”, engaden.
O PSOE denuncia tamén a “deplorable imaxe” do punto limpo, onde no exterior se acumula mobiliario abandonado e no interior lixo e materiais tirados, sen uso dos contedores. Aseguran que esta situación supón un “grave risco de salubridade e seguridade” polo perigo de incendio ao tratarse de materiais inflamables.
Os socialistas advirten que, mesmo se o Concello anuncia novas subvencións para 2025, “sen permisos e licenza, o punto limpo non vai funcionar e volverán ter que devolver os fondos”. Por iso, esixen solucións inmediatas e acúsan ao PP de “xogar cos recursos públicos da veciñanza de Ribadavia”.