Máis de 15.000 persoas visitaron xa en Ribadavia a exposición de rúa «Rostros das coleccións de ABANCA e Afundación», unha proposta do proxecto «Corrente Cultural» que chegou á vila grazas á colaboración entre o Concello, ABANCA e Afundación.
O alcalde, César Manuel Fernández Gil; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso Sanromán; a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano; a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez; e o director da oficina de ABANCA en Ribadavia, Primitivo González, percorreron esta mañá a mostra, que poderá visitarse ata o vindeiro domingo.
«Rostros» de ABANCA e Afundación atrae 15.000 visitantes en Ribadavia

A arte como motor colectivo
Esta iniciativa forma parte de «Corrente Cultural», coa que Afundación, obra social de ABANCA, promove a capilaridade cultural en Galicia, levando propostas artísticas fóra das súas sedes para achegalas ás vilas e ampliar así a participación cidadá. O obxectivo é situar a arte como un instrumento esencial para o coñecemento, o diálogo social e o desenvolvemento colectivo.
O retrato como fío condutor
A exposición «Rostros das coleccións de ABANCA e Afundación» propón unha viaxe pola evolución do retrato como xénero artístico, desde finais do século XIX ata a actualidade. A mostra recolle obras que amosan a capacidade do retrato para transmitir emocións, denuncias ou mensaxes, ao tempo que reflicten as transformacións históricas e sociais de cada época.
Unha selección de artistas galegos achega ademais a dimensión local desta tradición, poñendo en valor o retrato como ferramenta para comunicar e conectar xeracións. Nun contexto marcado polas imaxes dixitais e as autofotos, a mostra invita a reflexionar sobre como a representación do rostro segue a ser clave na construción de identidades persoais e colectivas.