O Concello de Ourense facilitará as visitas aos cemiterios municipais durante as festividades de Todos os Santos e Fieis Defuntos.
Desde o goberno municipal decidiron ampliar os horarios de apertura e reforzar o servizo de autobuses.
O Concello facilita as visitas aos cemiterios
Esta medida permitirá que a veciñanza poida achegarse con maior comodidade a honrar os seus familiares nestas datas.

Os camposantos de San Francisco, Santa Mariña e As Caldas permanecerán abertos de forma ininterrompida entre as 9:00 e as 19:30horas. Este horario tamén estará vixente durante a fin de semana.
Trátase dunha ampliación con respecto ao horario habitual, xa que adoitan pechar ao mediodía nos días festivos e fins de semana. O obxectivo é facilitar o acceso das persoas que queiran realizar visitas ou labores de limpeza e ornamentación das tumbas nestes días de maior afluencia.
Ademais, o Concello reforzará o servizo de transporte urbano. A liña 11 “Santa Mariña – O Viso” ampliará o seu percorrido ata o cemiterio de Santa Mariña os días 31 de outubro e 1 e 2 de novembro.
- Venres 31 de outubro: haberá autobuses cada media hora desde o cemiterio de Santa Mariña entre as 9.15 e as 19.45 horas, e desde O Viso entre as 8.15 e as 18.45 horas.
- Sábado 1 e domingo 2 de novembro: as saídas serán cada hora, con servizo desde o cemiterio entre as 9.45 e as 19.45 horas, e desde O Viso entre as 8.45 e as 18.45 horas.