Noticias

O Goberno impulsa o turismo rural en Entrimo coa rehabilitación do antigo casino

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, salientou hoxe en Entrimo o compromiso do Goberno de España co desenvolvemento do turismo rural na provincia.

Fíxoo durante unha visita ás obras de rehabilitación do antigo casino da localidade, que se transformará nun establecemento hoteleiro co obxectivo de ampliar a oferta turística e dinamizar a economía local.

O Goberno impulsa o turismo rural en Entrimo coa rehabilitación do antigo casino

Acompañado do alcalde, Ramón Alonso, Santos explicou que a actuación está integrada no Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP), promovido pola Secretaría Xeral de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura.

O Goberno impulsa o turismo rural en Entrimo coa rehabilitación do antigo casino
Foto: Subdelegación do Goberno

O Concello de Entrimo recibiu unha axuda de 601.355 euros con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Durante a súa visita, o subdelegado destacou que esta intervención “terá un impacto directo no desenvolvemento turístico da zona”, contribuíndo ademais a impulsar o Camiño Miñoto Ribeiro. “Este novo aloxamento atraerá peregrinos, fomentará o consumo local e axudará a crear emprego no municipio”, afirmou.

Santos incidiu en que proxectos como este “reflicten o compromiso do Goberno co reto demográfico e co futuro do rural ourensán”. Favorece a fixación de poboación e a xeración de oportunidades laborais segundo sinalou o subdelegado. “O rural pode ser un espazo de progreso, con servizos, emprego e calidade de vida”, subliñou.

Tamén puxo en valor a aposta pola rehabilitación do patrimonio público, en lugar de deixalo deteriorar. “O PIREP aposta pola recuperación e reutilización dos edificios, combinando sustentabilidade, eficiencia enerxética e utilidade social”, engadiu.

En canto ao avance das obras, xa se completaron as cubertas e as carpinterías metálicas, mentres que a instalación eléctrica e a fontanería están próximas a rematar. O proxecto prevé que o andar superior do edificio se destine a hotel con dez habitacións dobres. A planta baixa ofrecerá 26 prazas para peregrinos.

Por último, Santos lembrou que o Goberno tamén impulsa outras actuacións en Entrimo, como o convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello. Esta actuación permitirá renovar as infraestruturas de saneamento, cun investimento de 829.000 euros. A primeira fase xa está finalizada e a segunda desenvolverase nos vindeiros meses.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.