O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reivindicou hoxe a Transición como “o comezo dunha nova España que decidiu avanzar unida, con xenerosidade” na presentación da mesa redonda “A Transición: historia dun éxito colectivo”.
Este é o primeiro acto do programa organizado pola Subdelegación do Goberno e polo Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade.
A Transición, eixo dun ciclo que celebrará en Ourense os 50 anos de liberdade en España
O encontro celebrouse ao mediodía no Centro Cultural José Ángel Valente e reuniu á xornalista Anabel Díez, moderadora, e aos políticos e académicos Diego López Garrido e Xosé Luis Barreiro Rivas. O debate profundou nas claves políticas e nas tensións da época, así como no contexto xurídico que marcou aquel proceso histórico.

Santos definiu a Transición como un exemplo de cultura do pacto, un período que, segundo dixo, “é o punto de partida da etapa que vivimos agora de liberdade plena e consumada”. Tamén agradeceu a participación das persoas que interveñen neste ciclo, todas elas figuras destacadas da política, do xornalismo, da cultura ou da empresa. O obxectivo, subliñou, é “coñecer o noso pasado recente, reflexionar sobre o camiño percorrido e celebrar o que construímos como sociedade”.
A comisionada para os 50 anos de España en liberdade, Carmina Gustrán, destacou que “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país”. Reivindicou un programa descentralizado, pensado para que cada territorio poida sumar a súa voz a esta celebración dos valores democráticos.
Progamación do ciclo
Dez claves sobre a Transición.
Martes, 18 de novembro – 19:00 h – Centro Cultural José Ángel Valente
Relator: Ramón Jáuregui
Os medios de comunicación social na España democrática.
Mércores, 19 de novembro – 19:00 h – Centro Cultural José Ángel Valente
Relatoras: Ana Pardo de Vera e Fernanda Tabarés
50 anos de feminismo, 50 anos de liberdade.
Venres, 28 de novembro – 19:00 h – Centro Cultural José Ángel Valente
Relatora: Carmen Calvo
Lingua, educación e liberdade: o galego na construción da democracia.
Luns, 1 de decembro – 19:00 h – Centro Cultural José Ángel Valente
Relatores: Juan Tallón, Pilar García Negro, Manuel Bragado e Dores Tembrás
Raíces e futuro: medio século de economía sostible en Ourense.
Xoves, 4 de decembro – 19:00 h – Centro Cultural José Ángel Valente
Participantes: Elena Rivo, Julio Iglesias (Grupo Revi) e Araceli Fernández (Godeval)
Representación teatral “Flores de España”, de Los Sueños de Fausto.
Venres, 5 de decembro – 21:00 h – Teatro Lauro Olmo, O Barco
Gala de entrega de premios do 41º Concurso da Constitución.
Sábado, 6 de decembro – 12:00 h – Auditorio Municipal de Ourense