O Concello de Viana do Bolo inaugurou hoxe «Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel», unha mostra organizada xunto a ABANCA e Afundación.
A mesma permanecerá aberta ata o 12 de decembro na Casa da Cultura, de luns a venres entre as 16.00 e as 20.00 horas.
«Destino» abre en Viana do Bolo cunha viaxe visual pola humanidade
O alcalde Germán Aurelio García-Ávila Arias, o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román, e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano, participaron no acto de presentación.

A exposición reúne catro peregrinacións en catro países de catro continentes. Protagonistas dunha viaxe narrativa que usa a fotografía documental para unir historias distintas cun mesmo fío condutor. As imaxes de Valcárcel propoñen un percorrido en espiral que conecta seres humanos de lugares afastados a través do destino, mentres buscan respostas a preguntas universais.
Enmarcada no programa «Corrente cultural», esta mostra continúa a súa viaxe por diferentes vilas galegas grazas á colaboración entre Afundación, ABANCA e os concellos. A entidade destaca que nun territorio marcado pola emigración e pola tradición peregrina, a idea da viaxe adquire unha dimensión emocional ligada á identidade, aos valores e ás necesidades das persoas.
As catro rutas de Valcárcel ―en O Tíbet, Senegal, México e Galicia― abordan temas que interpelan á sociedade actual: familia, emigración, envellecemento, sostibilidade e fogar. Estes conceptos, presentes tamén no labor social de Afundación, reflíctense nas fotografías do autor, que ofrecen unha mirada cargada de cor, vida e emoción.