O proxecto Con-fluencias: Ríos que xa non son, impulsado por Outonía S. Coop. Galega, celebra en Viana do Bolo dúas xornadas culturais intensas os días venres 21 e sábado 22 de novembro.
A través dun programa comunitario, busca activar a memoria do encoro do Bao e fomentar unha reflexión colectiva sobre os seus impactos ambientais, sociais e culturais.
Con-fluencias activa en Viana do Bolo a memoria do encoro do Bao
As actividades, abertas á participación da veciñanza e visitantes, buscan crear espazos de diálogo arredor dun territorio marcado pola transformación forzada do río.
A programación inclúe a presentación dos dous primeiros capítulos do documental que están a gravar as cooperativas Outonía e CRU. Esta obra recolle testemuños e arquivos sobre o impacto da presa e o que supuxo para as comunidades afectadas.
Xunto coa proposta audiovisual, nove artistas de distintas disciplinas achegarán creacións que pretenden contribuír á reparación histórica desde a arte, a emoción e o compromiso co territorio. A organización subliña que a arte contemporánea pode abrir espazos de diálogo e reparación, activar a memoria colectiva e cuestionar silencios impostos ao longo das décadas.
As chamadas Festas Mutantes converterán a arte nun instrumento para pensar o territorio, recoñecer impactos esquecidos e imaxinar formas de coidado e xustiza coas que habitar o presente.
As creadoras e propostas convidadas
- Sol Álvarez, artista visual, intervirá o espazo público con cianotipias que exploran as augas e a paisaxe.
- Elsa Pereira, performer e investigadora, propón unha deriva sonora inspirada no movemento situacionista para percorrer Viana do Bolo desde o corpo e a escoita.
- María Ángeles Fernández e Jairo Marcos, escritores e activistas culturais, guiarán un roteiro literario arredor do encoro, entre a denuncia e a poesía.
- Xoán Xil, artista sonoro, presentará unha instalación creada a partir de rexistros acústicos dos encoros próximos, evocando o río desaparecido.
- Russ e Antía Carreira, creadoras multidisciplinares, ofrecerán unha peza sonora e visual que combina voces infantís, música tradicional e arquivos poéticos.
- Rudy Bruña e Sara Guerrero, xunto a Fernández e Marcos, dinamizarán o Repair Café da Memoria, un espazo de conversa sobre privilexios, reparación e esquecemento.
