A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ourense presentou no salón de plenos a súa 30ª Campaña de Nadal de Recollida de alimentos e xoguetes, unha iniciativa xa consolidada no calendario solidario da cidade.
O acto contou coa presenza do coordinador, Juan Carlos González, membros da agrupación e os representantes municipais Aníbal Pereira e Ana Fernández, ademais das entidades colaboradoras.
Campaña de Nadal en Ourense: Protección Civil impulsa a 30ª recollida solidaria
Todos coincidiron en destacar a importancia dunha campaña que mobiliza cada ano centos de doazóns e reforza o apoio ás familias máis vulnerables da cidade.
A recollida manterase activa ata o 9 de xaneiro. As persoas interesadas poderán entregar alimentos non perecedoiros e xoguetes novos ou en bo estado nos numerosos puntos instalados. Supermercados, centros educativos, farmacias, o Pavillón, ximnasios, equipos deportivos ou o centro comercial son algunhas das localizacións.
Tamén se ofrece a posibilidade de colaborar como voluntariado achegándose ao local da campaña. Este local está situado xunto ao Auditorio Municipal, na antiga sede do Festival de Cine.
As doazóns recollidas distribuiranse entre Cáritas Inmaculada Montealegre, Cáritas UAP Madre Teresa, Cáritas Santa Teresita, Sulam Hashamaim, Compartir Ourense e Dahira Ikhsan Ourense, ademais doutras entidades que participan na iniciativa.
Para asegurar unha atención axeitada ás familias, Protección Civil realizará dúas grandes entregas:
- a primeira, o 22 de decembro, coincindo co Nadal; e
- a segunda, antes do 5 de xaneiro, para a festividade de Reis.
A organización destaca que, tras tres décadas de campaña, Ourense mantén vivo o espírito solidario. Isto permitiu consolidar unha das accións sociais máis lonxevas e participativas da provincia.
