A Subdelegación do Goberno en Ourense recibiu hoxe a Medalla de Ouro concedida pola Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil.
Esta medalla supón un recoñecemento ao intenso traballo desenvolvido durante a vaga de lumes do pasado verán.
Protección Civil distingue o labor da Subdelegación durante os incendios do verán
O subdelegado, Eladio Santos, e a xefa da Unidade de Protección Civil, Mari Carmen Lodos, recolleron a distinción nun acto celebrado esta mañá no auditorio municipal de Ourense.

Na súa intervención, Santos expresou o seu “agradecemento de todo corazón” ao equipo que participou nos dezaseis días consecutivos nos que estivo operativo o CECOPI (Centro de Coordinación Operativa Integrado).
Destacou o labor de técnicos, profesionais, representantes das administracións públicas, Forzas e Corpos de Seguridade, así como integrantes da UME, BRILAT, BRIPAC e voluntariado de Protección Civil. Subliñou que todos eles realizaron “un traballo arduo, durante horas e horas sen descanso, por protexer á poboación”.
O subdelegado tamén fixo un chamamento á administración competente en materia forestal para “aprender da traxedia”. Chamou a impulsar melloras na coordinación dos equipos que actúan en situacións de emerxencia, porque, afirmou, “hai cousas que se poden mellorar”.
Santos lembrou que “a loita contra os lumes non terminou” coa desactivación do nivel 2. Destacou que desde entón se traballa na restauración das zonas afectadas, nas axudas aos damnificados e na aplicación de medidas de prevención.
En concreto, salientou o plan de choque post-lumes do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Este Ministerio destinou 3 millóns de euros ás actuacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. No mesmo, 20 brigadas desenvolven tarefas para conter as cinzas e evitar o seu impacto nas captacións de auga.
Ademais, puxo en valor que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación iniciou esta semana o pagamento de 4,9 millóns de euros en axudas directas para gandeiros e agricultores galegos afectados.
Recoñecementos ao voluntariado
Coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, o acto serviu tamén para destacar o esforzo conxunto das institucións que traballaron contra os incendios do pasado agosto. A Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil entregou 15 medallas de ouro, 5 de prata e 41 de bronce. Con estes recoñecementos, quixeron poñer en valor a dedicación e entrega dos equipos que participaron no operativo.

