Ribeiro en Común propón que o Concello de Ribadavia se presente á convocatoria do 2% Cultural 2025-2026 do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, en colaboración co Ministerio de Cultura, para impulsar a mellora do patrimonio histórico de Ribadavia.
A formación explica que esta convocatoria permite financiar actuacións de conservación, rehabilitación e enriquecemento do patrimonio histórico, un ámbito no que Ribadavia conta cun importante potencial.
Ribeiro en Común propón optar ao 2% Cultural en Ribadavia
Segundo lembra o grupo municipal, o prazo para presentar proxectos remata o 18 de febreiro, tras un período de 45 días hábiles desde a publicación da convocatoria.

Desde Ribeiro en Común sinalan que no mandato anterior xa se elaboraron dous proxectos que concorreron a este programa estatal. Por este motivo, propoñen que o actual goberno municipal actualice esas iniciativas, adaptándoas aos prezos e ás bases da nova convocatoria 2026, ou ben que impulse un novo proxecto. En calquera caso, subliñan que o fundamental é non deixar pasar esta oportunidade de financiamento.
As actuacións de mellora previstas en 2023, segundo detalla a formación, incluían intervencións na rúa Tomás de Lemos, rúa Yáñez, praza de San Xoán, rúa das Adegas (Cervantes), rúa Xerusalén e a rehabilitación do antigo edificio do Consello Regulador do Ribeiro, situado na rúa Salgado Moscoso.
Desde o grupo municipal indican que esta proposta ten un carácter construtivo e confían en que sexa valorada positivamente polo Ministerio de Vivenda, ao considerar que suporía un avance relevante para a protección e posta en valor do patrimonio histórico de Ribadavia.

