Noticias

O PSOE denuncia o abandono da rúa Progreso en Ribadavia

O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia o mal estado da rúa Progreso, unha das principais arterias da vila, que atribúe á deixadez do goberno municipal do Partido Popular.

Segundo os socialistas, a falta de mantemento durante toda a lexislatura provocou a presenza de ducias de losetas soltas e rachadas, unha estrada en condicións deficientes e a ausencia de sinalización horizontal nos pasos de peóns e nos carrís.

O PSOE denuncia o abandono da rúa Progreso en Ribadavia

Desde o grupo municipal socialista aseguran que reclamaron en numerosas ocasións actuacións de mantemento, “como se facía nos mandatos anteriores”, sen obter resposta.

O PSOE denuncia o abandono da rúa Progreso en Ribadavia
Rúa Progreso de Ribadavia. Foto: PSdeG.

Ao seu xuízo, o deterioro foi en aumento, con desprendementos de losetas que xeran riscos para os viandantes. “Non é a primeira persoa que tropeza e cae”, advirten, incidindo en que no inverno as pezas acumulan auga e forman charcos.

O PSdeG-PSOE lembra que nos gobernos socialistas realizábase un mantemento ordinario, substituíndo e reparando as losetas en mal estado, mentres que cos executivos do PP estas tarefas “foron abandonadas por completo”. As beirarrúas, engaden, presentan un estado “lamentable” nunha zona de alta actividade comercial. Tamén denuncian que noutro treito da vía a beirarrúa afundiuse sen que o Concello actuase.

A formación socialista reclama ao alcalde, César Manuel Fernández, que, se non acomete o mantemento, contacte coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), titular da vía, para que interveña tanto nas beirarrúas como no pésimo estado da estrada. Lembran que con anteriores gobernos socialistas solicitábanse actuacións cada dous anos e AXI atendía as peticións.

Resulta incrible que cun alcalde da mesma corda política que o Goberno galego non se atendan as necesidades básicas do concello”, reprochan. Ademais, piden ao rexedor que priorice a xestión municipal fronte a outras responsabilidades institucionais, ao considerar que Ribadavia está desatendida.

Botón volver arriba