O PSdeG reclama recuperar o soterramento da Avenida Otero Pedrayo para integrar o Campus Universitario de Ourense e eliminar unha barreira urbana clave.
Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, acompañado da deputada Marina Vaz, presentou unha moción que levará ao próximo pleno provincial para reactivar o proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo, unha demanda histórica da cidade.
O PSdeG esixe reactivar o soterramento de Otero Pedrayo
Os socialistas consideran insuficiente o convenio asinado o 7 de xaneiro entre o Concello e a Xunta, cun investimento de 340.000 euros para crear un “refuxio climático”. Entenden que este acordo pecha durante anos unha transformación estrutural reclamada desde hai décadas.

Vila criticou que a Xunta aposte por actuacións puntuais cando, segundo defendeu, “o que fai falta é soterrar a avenida para comunicar as dúas zonas do campus e o futuro edificio administrativo da Xunta”. Tamén instou ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e ao presidente da Deputación, Luis Menor, a “non conformarse con migallas” e reclamar unha solución de fondo. O portavoz socialista advertiu de que Ourense “segue atrapada en parches mentres outras cidades avanzan na pacificación do tráfico e na integración dos campus”.
A moción lembra o compromiso asumido en 2023 polo propio presidente da Deputación, que quedou sen executar pola falta de achega económica da Xunta. O texto inclúe catro acordos:
- ratificar ese compromiso,
- pedir ao Concello estudos técnicos urxentes,
- esixir á Xunta financiamento e
- crear unha comisión interinstitucional con Deputación, Concello, Xunta e Universidade de Vigo.
O soterramento da Avenida Otero Pedrayo, proxectado nun tramo duns 800 metros, permitiría crear un bulevar peonil con zonas verdes e carrís bici. Tamén permitiría mellorar a conexión entre os campus norte e sur, ademais de revalorizar unha área estratéxica da cidade.

