Ribeiro en Común denuncia que o goberno local de Ribadavia leva máis de dous anos e medio sen aplicar a normativa de tráfico no casco histórico.
Segundo denuncian, o concello incumpre a peonalización da zona monumental e o control de vehículos, que invaden de forma reiterada espazos peonís e prazas de estacionamento reservadas á veciñanza.
Ribeiro en Común critica a falta de control do tráfico no casco histórico
A formación lembra que a norma aprobada en 2021, aínda en vigor, non se está a aplicar, e tampouco se están a cumprir os cambios introducidos no pasado mes de xuño, vixentes desde setembro.

Segundo Ribeiro en Común, resulta “inadmisible” que o goberno modificase a regulación da zona verde de estacionamento para residentes sen explicar nin informar á cidadanía sobre como lles afecta.
Desde o grupo municipal aseguran que esta situación está a xerar malestar e críticas veciñais, motivadas pola falta de información e pola ausencia de explicacións por parte do Concello sobre os cambios introducidos.
Restricións que exclúen a residentes
Ribeiro en Común advirte de que, ante o silencio do goberno municipal, o PP restrinxiu o estacionamento unicamente a persoas censadas no casco histórico, o que deixa fóra a residentes propietarios que viven en Ribadavia só nas fins de semana ou en períodos vacacionais por motivos laborais. Tamén denuncia que se exclúe a familiares de veciños da zona monumental censados noutras rúas da vila, como fillos e fillas que visitan ou xantan nas casas familiares.
Mentres tanto, segundo a formación, o goberno local permite que vehículos de turistas aparquen en zonas reservadas para veciños, o que incrementa o malestar social.
Reivindicacións de Ribeiro en Común
O grupo municipal reclama ao Concello de Ribadavia:
- Unha campaña informativa sobre os cambios na normativa, solicitando que nesta fase non se impoñan sancións.
- A aplicación inmediata da norma de 2021 nas zonas verdes ACIRE.
- A rectificación dos cambios restritivos na zona monumental e a volta á regulación de 2021.
- O control efectivo das zonas azuis da rúa Progreso e a ampliación destas á contorna da rúa Ribeiro e Travesía Ribeiro.
- Información clara á cidadanía sobre todos os cambios na normativa de tráfico en Ribadavia.
Ribeiro en Común considera “incomprensible” que o PP introducise modificacións sen consenso nin demanda veciñal, lembrando que a zona verde foi ben acollida pola veciñanza en 2021, cando foi creada polo anterior goberno de coalición. Ademais, rexeitan a xustificación do PP sobre un suposto exceso de tarxetas, asegurando que co estacionamento regulado sempre houbo prazas dispoñibles para residentes e que as únicas queixas existentes teñen que ver coa ocupación indebida por parte de turistas.
A formación conclúe que a xestión do tráfico é outro dos ámbitos nos que, ao seu xuízo, o goberno local non está a dar resposta ás necesidades da veciñanza.

