Noticias

Alerta pola seguridade vial no acceso ao CEIP Irmáns Villar

A comunidade escolar do colexio Irmáns Villar denuncia a falta de medidas de seguridade vial nas obras da rúa de Peña Trevinca, único acceso habilitado ao centro educativo, tras tres días reclamando sen resposta ás administracións competentes.

A comunidade escolar do CEIP Irmáns Villar alerta de que os nenos e nenas teñen que cruzar diariamente por un paso peonil desviado, situado en plena zona de obras, con maquinaria pesada en funcionamento e, ata hai poucos días, sen valado de protección, o que consideran unha situación de risco evidente.

Alerta pola seguridade vial no acceso ao CEIP Irmáns Villar

Segundo explican, as reclamacións realizáronse por múltiples vías: á dirección do centro, ao Concello, á Policía Local e aos servizos de Educación, tanto por teléfono como a través da sede electrónica, sen que, polo momento, se adoptasen medidas efectivas.

Alerta pola seguridade vial no acceso ao CEIP Irmáns Villar
Foto: ANPA Ceip Irmáns Villar

Neste contexto, a comunidade escolar pregúntase “se as nosas familias non merecen a presenza da Policía Local para facilitar o cruce durante a entrada e a saída do alumnado, durante apenas quince minutos, cando noutros centros esta presenza é habitual”. Subliñan que a ausencia de axentes agrava unha situación xa de por si delicada.

Ante a falta de resposta institucional, as familias aseguran que “só nos queda extremar as precaucións e cruzar os dedos para que non suceda unha desgraza”, ao tempo que denuncian o que cualifican como abandono das administracións nun asunto tan sensible como é a seguridade vial da infancia.

Botón volver arriba