O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse hoxe coa Asociación Mirada Mujeres +60 para iniciar unha liña de colaboración centrada na protección e información das mulleres maiores na provincia.
No encontro participaron a presidenta do colectivo, María Antonia Rilo; a secretaria, María Villar; e as vogais Rosa Martínez e Nati Fleta. A reunión serviu para establecer as primeiras bases dun traballo conxunto entre a Subdelegación do Goberno e a asociación.
A Subdelegación impulsa accións co colectivo Mirada Mujeres +60
Durante a xuntanza, Eladio Santos acordou co colectivo impulsar actividades conxuntas no marco do Plan Maior do Ministerio do Interior, especialmente orientadas á prevención da ciberdelincuencia que afecta ás persoas maiores.

Ademais, ambas partes comprometeron a organización de xornadas informativas sobre a violencia de xénero persistente que sofren as mulleres maiores, unha realidade que, segundo trasladou a asociación, continúa a estar infravisibilizada.
Desde Mirada Mujeres +60 destacaron a importancia de contar co apoio institucional para desenvolver accións de sensibilización e prevención en toda a provincia de Ourense, mentres que o subdelegado subliñou o valor do traballo do colectivo e a necesidade de reforzar a coordinación para chegar a máis persoas.

