Noticias

Ribeiro en Común leva ao Pleno a cesión de solo para vivenda pública

Ribeiro en Común reclamou que o Concello de Ribadavia se sume ao Programa de oferta de solo para vivenda protexida da Xunta.

Esta iniciativa, en marcha desde 2025, permite aos municipios ceder parcelas de titularidade municipal para a construción de vivenda pública.

Ribeiro en Común leva ao Pleno a cesión de solo para vivenda pública

A formación considera non admisible que Ribadavia aínda non se incorporase a este programa, xestionado pola Consellaría de Vivenda, cando, segundo lembran, xa existe un acordo plenario aprobado para adquirir terreos dotacionais destinados á súa cesión á Xunta. “A pesar dese acordo, o goberno municipal nada fixo para cumprilo”, denuncian desde o grupo.

Ribeiro en Común leva ao Pleno a cesión de solo para vivenda pública
Foto: Ribeiro en Común

Segundo Ribeiro en Común, noutros concellos galegos a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, está a asinar convenios con distintas alcaldías para impulsar a construción de vivenda protexida, no marco deste programa autonómico. “Mentres isto sucede noutros municipios, o alcalde de Ribadavia ignora as nosas propostas e acordos plenarios”, critican.

A formación explica que, a través deste convenio, a Xunta de Galicia, por medio do IGVS, asumiría a publicación do solo dispoñible, a redacción dos pregos, a licitación e a valoración técnica das ofertas. Este sistema, aseguran, simplifica os trámites municipais e facilita información clara á cidadanía, promotores e cooperativas.

Ribeiro en Común lembra que o prazo de adhesión ao programa está aberto de maneira indefinida. Xa forman parte del concellos como As Pontes, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes, Verín ou, na comarca do Ribeiro, A Arnoia. Por este motivo, anuncian que volverán levar a proposta ao Pleno do vindeiro xoves.

Así mesmo, recordan que en 2025 foi aprobada unha moción da súa autoría para adquirir un solar no barrio de San Lázaro. Este solar, situado entre a vila de Ribadavia e a parroquia de Francelos, tiña como obxectivo destinalo, entre outros usos, á promoción de vivenda pública.

Por todo isto, o grupo municipal presentou unha nova moción para o Pleno de xaneiro, na que solicita que os Orzamentos municipais de 2026 inclúan unha partida suficiente para a adquisición de solo destinado á promoción pública de vivenda a través do IGVS. “Agardamos que esta vez se cumpra o acordo”, conclúen desde Ribeiro en Común.

Botón volver arriba