Este xoves, durante o Pleno de xaneiro, o PP votou en contra da moción presentada por Ribeiro en Común (REC) que reclamaba a creación dun parque infantil cuberto con cargo aos fondos provinciais de 2026 destinados pola Deputación aos concellos.
Desde REC denuncian que o goberno local evitou explicar no Pleno a que se van destinar eses fondos. Con todo, segundo indican, existe unha resolución de alcaldía do mes de xaneiro na que se recolle que o diñeiro irá destinado á compra de maquinaria para o Pavillón, un asunto do que o executivo municipal non quixo dar explicacións públicas.
O PP rexeita un parque infantil cuberto en Ribadavia
Para Ribeiro en Común, resulta “incomprensible” que nunha obra nos baixos do Pavillón cun custo superior a 1,2 millóns de euros non se incluíse ningunha partida para maquinaria do ximnasio.

Agora, sinalan, o PP opta por empregar máis fondos públicos para este fin, renunciando á posibilidade de crear un parque infantil cuberto, unha infraestrutura que consideran prioritaria.
A formación lembra que no mandato anterior o Concello de Ribadavia presentou varios proxectos ás convocatorias da Xunta para este tipo de parques, aínda que todos foron denegados. No actual período 2023-2026, critican que o PP non presentou ningunha solicitude nin tampouco destinou fondos da Deputación a este obxectivo.
Segundo expón REC, ademais dos máis de 1,2 millóns de euros xa investidos, o goberno local prevé destinar 30.000 euros adicionais dos fondos provinciais de 2026 á adquisición de maquinaria deportiva para o Pavillón. Esta decisión, insisten, deixa de novo a Ribadavia sen parque infantil cuberto.
Desde Ribeiro en Común avanzan que seguirán reclamando que o Concello reserve parte das axudas da Deputación á creación deste parque, “tal e como están a facer moitos outros concellos”.

