A Deputación de Ourense homenaxea a Montse Estévez Varela dentro do programa “8M, Mes a Mes”, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio.
A iniciativa visibiliza ao longo do ano referentes femininos da provincia en distintos ámbitos profesionais e, neste mes de febreiro, pon o foco nas mulleres que lle dan vida ás ondas radiofónicas.
Montse Estévez, homenaxeada pola Deputación no 8M
A deputada de Igualdade, Teresa Barge, subliña que este recoñecemento “enmárcase no compromiso firme da institución provincial coa igualdade real e coa posta en valor do talento feminino da provincia”.

Ademais, lembra que o programa busca construír referentes, recoñecer traxectorias inspiradoras e contribuír a unha sociedade máis xusta e diversa. No caso da xornalista ourensá, destaca que “é unha voz que acompaña, permanece e se sinte sempre moi preto”.
Con case catro décadas de traxectoria, Montse Estévez representa un modelo de comunicación radiofónica baseado na proximidade, na vocación de servizo público e no compromiso coa audiencia. Iniciou a súa carreira con apenas vinte anos en Radio Cadena Española, hoxe Radio Nacional de España, e desenvolveu posteriormente o seu labor en emisoras como Radio Minuto, Onda Cero, Radio Voz, Telemiño e, desde hai 25 anos, Radio COPE (Ábside Media), onde continúa en activo.
Ao longo deste percorrido profesional, Estévez Varela consolidouse como unha das voces máis recoñecidas e queridas da radio ourensá. A súa maneira de comunicar, marcada polo respecto, o compañeirismo e a conexión directa co oínte, converteuna nun referente do xornalismo de proximidade na provincia.
Entrevista en Ourensenarede
En 2021, ourensenarede.com publicou unha ampla entrevista con Montse Estévez, presentada como “a voz de Ourense”, na que repasaba a súa traxectoria vital e profesional. Na conversa abordaba a súa vocación temperá por exercer de fío condutor en actos e eventos, a súa experiencia no mundo cultural ourensán e a súa visión sobre a evolución da comunicación, advertindo de que “a comunicación non pode ser o ditame final”.
Tamén reflexionaba sobre a necesidade de aplicar filtros á información, o papel da radio nun contexto de distancia social —“na radio, abrázannos as voces”— e a súa aposta persoal pola formación continua e o desenvolvemento como coach desde unha mentalidade positiva.
Coa homenaxe deste mes, a Deputación reforza a visibilidade das profesionais da comunicación e pon en valor o papel da radio como espazo de encontro e acompañamento para a sociedade ourensá.

