Noticias

Seara acusa a Jácome tras a sentenza firme por acoso

O portavoz do BNG no Concello de Ourense, Luís Seara, asegurou que a sentenza firme por acoso contra o Concello e contra o alcalde Gonzalo Pérez Jácome confirma un comportamento “indigno” por parte do rexedor.

O responsable nacionalista afirmou que, “aínda en tempos de entroido e por máis que se poña máscara, Jácome é e seguirá a ser o Alcalde acosador”, en referencia á resolución xudicial que condena ao Concello por acoso á Intendente-xefe da Policía Local.

Seara acusa a Jácome tras a sentenza firme por acoso

Segundo explicou Seara, a sentenza “non deixa lugar a dúbidas”. O portavoz do BNG sostén que o alcalde “non só ignorou os procedementos e protocolos diante da denuncia por acoso interposta pola Intendente-xefe da Policía Local, senón que contribuíu ao acoso contra a mesma”.

Seara acusa a Jácome tras a sentenza firme por acoso
Foto: BNG

Desde o grupo municipal nacionalista consideran que estamos ante unha resolución “contundente”, que se suma a outras anteriores. “Non só mirou para outro lado, sen activar os protocolos necesarios, senón que contribuíu ao acoso contra a funcionaria”, reiterou.

Para Seara, o alcalde “aprovéitase da súa posición de poder á fronte do Concello para menoscabar, insultar e acosar ás e aos traballadores municipais que non se pregan aos seus intereses”.

O BNG lembra que non é a primeira sentenza por acoso que afecta ao Concello de Ourense. Segundo sinalan, existen outras resolucións pendentes de firmeza que poderían implicar tamén indemnizacións económicas. “Sentenzas que ao igual que esta levan aparelladas cuantiosas cantidades económicas en concepto de indemnización e que imos ter que pagar entre todas e todos”, advertiron.

Consecuencias políticas

Á vista desta resolución firme, os nacionalistas consideran que Jácome “non debería botar un só segundo máis á fronte da alcaldía”, ao entender que estes comportamentos teñen consecuencias tanto políticas como económicas para a veciñanza.

O grupo xa manifestara anteriormente a súa posición crítica ante este tipo de procedementos, cualificándoos de antiéticos e reprobables. “Debera asumilos el do seu propio peto. Non é de recibo que teña que ser a veciñanza no seu conxunto e a través das arcas municipais as que teñan que sufragar os seus excesos”, sosteñen.

Finalmente, Seara afirmou que esta e outras sentenzas “revelan o clima de traballo instalado no Concello desde a chegada de Jácome á Alcaldía”, denunciando anos de “acoso, ameazas e presión” sobre o persoal municipal, así como un incremento das baixas médicas que, segundo o BNG, estaría relacionado con esta situación.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.