O Sanysec – Ourense Atletismo asinou unha actuación destacada no Campionato de España de Lanzamentos Longos e no Campionato de Galicia Sub16 Short Track.
No balance global, atopamos dez medallas e varios postos de finalista que consolidan o bo momento do club ourensán.
O Sanysec logra dez medallas nacionais e galegas

Tres medallas no Nacional de Lanzamentos Longos
O equipo ourensán regresou de Castellón cunha medalla de ouro, unha prata e un bronce no Campionato de España.
No lanzamento de disco sub18, Aitana Capeáns proclamouse subcampioa de España cun mellor intento de 40.90 metros. Pola súa banda, Hugo Novoa foi noveno con 43.16, a escasos centímetros de acceder á mellora, que se pechou en 43.42, tras dous lanzamentos nulos nos intentos posteriores.
O lanzamento de martelo concentrou a maior participación do club. En sub18 masculina, Javier Cid logrou o bronce con 59.96 metros, mentres que Hugo Novoa volveu quedar ás portas da final cun noveno posto (48.54). Mario Casal bateu a súa marca persoal co martelo na categoría sub16 (47.40) e acadou a sétima posición, o que lle valeu praza de finalista.
En sub20, Raúl Gude foi oitavo con 49.87, e en sub23, Daniel Villanueva rematou sexto con 51.89. A gran alegría chegou da man de Noa López, que se proclamou campioa de España sub18 en martelo cun lanzamento de 57.20 metros.
Na xavelina sub16, Sara Vázquez finalizou undécima cun mellor rexistro de 31.52.
Ademais das tres medallas, o club sumou tres postos de finalista. Na clasificación por equipos, elaborada a partir dos finalistas, o Sanysec – Ourense Atletismo ocupou a novena posición, xusto por detrás do F.C. Barcelona e do Diputación de Valencia C.A., dous referentes estatais da disciplina.
Sete medallas no Galego Sub16
O club tamén brillou no Campionato de Galicia Sub16 Short Track, onde acadou sete medallas nun total de 31 participacións, confirmando o bo traballo na base.
3 Medallas de ouro:
- Ángel Araújo Noriega, en salto de altura (1.74).
- Mario Casal Carbajosa, en peso 4 kg (13.94).
- Marco Pereira Fernández, en pértega (2.91).
2 Medallas de prata:
- Lucía Quintas García, en salto de altura (1.55).
- Naia Bermejo Quintáns, en pértega (2.65).
2 Medallas de bronce:
- Naia Bermejo Quintáns, en lonxitude (4.87).
- Lucía Quintas Sousa, en 60 valos (9.69).

