O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, supervisou hoxe as obras de asfaltado da N-120 ao seu paso polo Barco de Valdeorras.
Estas obras están incluídas no Plan Especial de Reparación e Conservación de Estradas do Estado en Galicia, dotado con 167 millóns de euros, dos que 38 millóns son extraordinarios polos danos das borrascas.
Eladio Santos supervisa o asfaltado da N-120 no Barco
Dese investimento, máis de 8 millóns de euros destínanse á rede viaria estatal da provincia de Ourense, mentres que 3 millóns corresponden ás actuacións de emerxencia na N-120 nas provincias de Ourense e Lugo.

Santos destacou a rapidez do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para actuar tras os temporais. Tamén lembrou que hai actuacións previstas nas autovías A-52 e A-75 e nas estradas N-525, N-540, N-541 e N-532.
No caso da N-120, estanse a executar obras de rehabilitación do firme cun investimento de 3 millóns de euros. Desta inversión, 900.000 euros corresponden a diferentes tramos da provincia de Ourense. O subdelegado subliñou que “é unha vía fundamental para o tránsito de Valdeorras á capital provincial, polo que a súa conservación é unha prioridade”.

