Os CIM móbiles da Xunta de Galicia continúan a percorrer a provincia para reforzar a sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero nas zonas rurais.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o concello de Nogueira de Ramuín acompañado polo alcalde, Julio Carlos Temes, para comprobar o funcionamento dun destes servizos itinerantes.
A Xunta leva os CIM móbiles ao rural ourensán
A iniciativa da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade, conta cun investimento de 1,6 millóns de euros. Inclúe catro unidades móbiles que achegan información e atención especializada á cidadanía.

Os centros comezaron a funcionar o 9 de febreiro e percorren concellos da provincia nos que non existen recursos destas características. Cada unidade está atendida por unha psicóloga e unha traballadora social. Elas ofrecen información e orientación para favorecer a prevención e detección da violencia de xénero e promover unha maior concienciación social sobre igualdade.
Manuel Pardo destacou o labor das profesionais destes centros e subliñou o compromiso da Xunta para seguir avanzando na sensibilización e na loita contra o machismo e a violencia de xénero, especialmente nos lugares onde é máis necesario achegar este tipo de servizos.

