A Xunta de Galicia avanza nas obras de mellora da rúa Bispo Lourenzo de Ourense, actuación incluída no proxecto autonómico para acondicionar 13 travesías urbanas da cidade.
Nestas actuacións, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste máis de 2,8 millóns de euros.
A Xunta mellora o asfaltado da rúa Bispo Lourenzo
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a zona acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para supervisar o estado dos traballos de asfaltado.

As actuacións no firme consistiron no fresado e reposición das zonas máis deterioradas e na extensión dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente en toda a rúa. Os traballos completaranse posteriormente coa renovación da sinalización horizontal.
O proxecto tamén inclúe importantes melloras nas beirarrúas e na accesibilidade. Instaláronse baldosas podotáctiles nos pasos de peóns e realizáronse reparacións puntuais de plaquetas e bordos deteriorados.
Ademais, construíuse unha nova beirarrúa na marxe esquerda na zona do aparcadoiro situado entre os edificios e o paso superior. Nese espazo tamén se recolocou e reparou a varanda existente. As beirarrúas ampliáronse baixo o paso superior e no cruzamento coa rúa Mateo de Prado. O obxectivo é mellorar a visibilidade dos pasos de peóns e crear un novo espazo vexetal.
Tamén se executou unha nova beirarrúa de formigón na marxe dereita, desde o paso superior ata a glorieta da rúa Isaac Piñeiro.
Durante a visita, Manuel Pardo destacou que estas intervencións buscan incrementar a seguridade e comodidade de peóns e condutores. Tamén permitirá mellorar os cruzamentos e pasos de peóns mediante elementos de accesibilidade, rebaixes e ampliacións das zonas de paso.

