Deportes

Andrea Reija brilla co ouro galego e o Ourense Atletismo logra a prata no Galego de clubs

A atleta do Sanysec – Club Ourense Atletismo Andrea Reija proclamouse campioa de España por federacións co combinado galego no Campionato de España de Probas Combinadas por Federacións, nunha competición na que Galicia sumou un total de 24.434 puntos.

O equipo galego estivo integrado por Andrea Reija, Xoel Otero, Lucía Sánchez del Valle, Gerson Vidal Izaguirre, Martina Gutiérrez e o atleta sub20 do filial Xuncas Diversia, Jesús Arias, asinando unha destacada actuación colectiva que permitiu a Galicia facerse co título estatal.

Andrea Reija lidera o éxito galego no Nacional de combinadas

A ourensanista foi, ademais, a mellor representante do combinado galego tras lograr unha brillante terceira posición individual con 5.243 puntos. A atleta lucense, que continúa demostrando un excelente estado de forma, só foi superada pola campioa de España Andrea Medina e pola catalana Rovira. Entre os seus mellores rexistros destacou a súa vitoria na proba dos 100 metros valos, onde foi a máis rápida da competición.

Prata para o Club Ourense Atletismo no Galego de clubs

A fin de semana deixou tamén outro resultado destacado para o Sanysec – Club Ourense Atletismo, que rematou en segunda posición na categoría feminina do Campionato Galego de Clubs, disputado en Pontevedra.

Andrea Reija brilla co ouro galego e o Ourense Atletismo logra a prata no Galego de clubs
Podio Femenino. Foto: Club Ourense Atletismo

O conxunto ourensán, que defendía o título acadado o pasado ano, sumou 119 puntos, quedando a só once da Ximnástica Pontevedra, campioa con 130. O equipo acusou varias baixas importantes, ademais dos tres intentos nulos de Rebeca Fernández na esixente proba de pértega, circunstancias que condicionaron o resultado final.

A pesar diso, as atletas ourensás conseguiron varios triunfos individuais. Icía Ares impúxose nos 5.000 metros marcha cun tempo de 24:35.83, mentres que Yiset Magali Jiménez foi a mellor en lanzamento de xavelina con 57.99 metros. Tamén acadaron o primeiro posto Alba Martínez, en triplo salto con 11.75 metros, e Sabela Castelo, nos 3.000 metros lisos con 9:41.57.

O equipo masculino, oitavo condicionado polas baixas

Na competición masculina, o Club Ourense Atletismo finalizou en oitava posición con 56 puntos. Este campionato estivo marcado polas ausencias, ata o punto de ter que deixar sen representante a proba dos 3.000 obstáculos.

O equipo quedou afastado do sétimo posto, ocupado polo Narón con 78 puntos. Os mellores resultados individuais chegaron da man de Daniel Villanueva, segundo en lanzamento de martelo con 52.66 metros, e de Miguel Carbajales, tamén segundo en salto con pértega con 4.41 metros.

Botón volver arriba