O BNG de Ourense asegura que a anulación da adxudicación do novo contrato do transporte urbano por parte do TACGAL confirma as advertencias que viña realizando sobre o proceso de licitación.
A formación nacionalista considera que o procedemento estivo marcado por irregularidades e responsabiliza ao goberno local da situación creada.
O BNG critica a xestión dos autobuses de Ourense tras a resolución do TACGAL
O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, afirmou que a resolución evidencia un proceso que cualificou de «auténtico despropósito», ao entender que, ademais de vulnerar o Prego de Condicións Administrativas, presenta incumprimentos relacionados coas instalacións, deficiencias no estudo económico e falta de solvencia técnica da empresa adxudicataria.

«Non facía falla ser Nostradamus para saber quen ía gañar a concesión. Cacicada de manual», afirmou Seara, quen tamén vinculou a adxudicación ao empresario que asinou co alcalde Gonzalo Pérez Jácome o coñecido pacto da Alameda. Segundo o portavoz nacionalista, a resolución do TACGAL obriga agora ao Concello a retrotraer o procedemento, mentres segue sen aclararse como se resolverá a concesión nin as súas consecuencias. Ademais, lembrou que o contrato continúa sen consignación orzamentaria e que a actual concesionaria reclama ao Concello 14 millóns de euros.
O BNG estendeu as súas críticas á compra da nova frota municipal de autobuses, unha operación cifrada en 14 millóns de euros. A formación sostén que xa advertira de que primeiro debía definirse o novo mapa de liñas antes de adquirir os vehículos.
Segundo explica, os 15 microbuses adquiridos presentan problemas de funcionamento, avarías recorrentes e dificultades para conseguir pezas de reposto, o que obriga incluso a utilizar algúns vehículos como fonte de recambios. Afirma tamén que é frecuente atopar numerosas unidades inmobilizadas nas instalacións municipais.
As críticas alcanzan igualmente aos dez autobuses eléctricos, dos que, segundo o BNG, só cinco poden prestar servizo ao mesmo tempo debido ás limitacións do sistema de carga, malia que as estacións correspondentes estaban incluídas no contrato.
A formación conclúe que o Concello dispón de 40 autobuses, dos que habitualmente arredor dunha decena permanecen sen circular. Por este motivo, rexeitou a proposta do alcalde de investir outros 2,5 millóns de euros na compra de sete novos vehículos.
«Se hai preto de dez buses na nave sen circular a diario, por que insiste Jácome en mercar máis buses?», cuestionou finalmente Luís Seara.

