Noticias

Natalia González pide explicacións polo derribo da Casa de Baños

O PSdeG de Ourense esixe ao Goberno municipal explicacións polo derribo da antiga Casa de Baños, un inmoble histórico da cidade sobre o que o pleno aprobou en xuño unha moción socialista para impulsar a súa rehabilitación e recuperación.

A portavoz municipal do PSdeG, Natalia González Benéitez, reclama información sobre as actuacións que se están a executar no edificio, así como sobre as autorizacións, informes técnicos e o alcance do derribo. Tamén pide coñecer que proxecto ten previsto o Concello para este espazo.

Natalia González pide explicacións polo derribo da Casa de Baños

“É absolutamente necesario que o executivo explique á cidadanía que se está facendo, con que autorizacións e por que se está actuando así”, sinala González, que considera especialmente relevante aclarar o futuro dun inmoble ligado á historia e ao patrimonio termal de Ourense.

Natalia González pide explicacións polo derribo da Casa de Baños

O grupo socialista xa presentara unha solicitude de información por escrito tras o incendio rexistrado na madrugada do 15 de maio. Segundo lembra, o suceso puxo de manifesto o estado de abandono e deterioro da antiga Casa de Baños, polo que reclamou daquela un plan específico para a súa protección, recuperación e posta en valor.

“Levamos anos reclamando actuacións na Casa de Baños e advertindo de que o abandono e a falta de planificación podían conducir a unha perda irreversible deste edificio”, lamenta a portavoz socialista.

No pleno ordinario de xuño, a corporación aprobou unha moción do PSdeG para impulsar a rehabilitación, recuperación e posta en valor da Casa de Baños, así como para elaborar un plan específico de protección do patrimonio termal.

A iniciativa tamén propoñía que o Concello concorrese ás axudas dispoñibles para rehabilitar patrimonio histórico e turístico e que se puxese en valor a historia do inmoble como parte da identidade da cidade.

Agora, o PSdeG reclama ao Goberno de Gonzalo Pérez Jácome toda a documentación relativa ás actuacións realizadas, os informes técnicos e autorizacións que as sustentan, así como o proxecto previsto para a parcela. Os socialistas tamén esixen o cumprimento do acordo plenario aprobado en xuño.

Botón volver arriba