O BNG levará ao Pleno de setembro unha moción para esixir responsabilidades polo derrube da Casa de Baños do Outeiro e solicitar que o expediente sexa trasladado á Fiscalía.
As nacionalistas lembran que o inmoble ten protección integral e forma parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Segundo denuncian, durante a segunda semana de agosto realizáronse demolicións con maquinaria pesada que afectaron elementos patrimoniais sen autorización de Patrimonio.
O BNG reclama responsabilidades polo derrube da Casa de Baños
O BNG cita un informe do Servizo de Patrimonio Cultural no que se sinala que “non consta solicitude de autorización para a intervención efectuada” e se reclama a paralización dos traballos.

A formación cuestiona tamén a xustificación dunha suposta situación de emerxencia empregada polo Concello. Considera que unha autorización municipal non pode substituír os permisos patrimoniais necesarios.
No Pleno, o BNG reclamará o expediente administrativo íntegro, incluídos proxectos, informes, licenzas, documentación sobre a emerxencia e comunicacións con Patrimonio. Tamén pide identificar ás persoas responsables e determinar se se incumpriu a normativa.
En caso de irregularidades, solicita a apertura dos expedientes de responsabilidade correspondentes. Ademais, reclama á Xunta que avalíe os danos e adopte medidas para protexer e restaurar o inmoble.
Por último, o BNG pide medidas cautelares para conservar o que queda da Casa de Baños e que o expediente se remita ao Ministerio Fiscal para valorar posibles responsabilidades penais.

