A formación reclama ao Concello a creación dunha estrutura para adquirir e rehabilitar inmobles e pide á Xunta máis presión sobre os grandes tenedores
Ourense, 27 de agosto de 2026. Avante Ourense propón a creación dunha Empresa Pública Municipal de Vivenda para ampliar o parque público e facilitar o acceso á vivenda na cidade.
Avante propón unha empresa pública de vivenda en Ourense
A iniciativa inclúe tamén medidas para recuperar inmobles abandonados no Casco Vello e reclama á Xunta unha maior intervención fronte á concentración de grandes carteiras inmobiliarias.

A formación trasladou iniciativas ao Concello de Ourense, á Xunta de Galicia e ao Parlamento galego. No ámbito municipal, propón desenvolver a Oficina Municipal de Vivenda. Esta xa está recollida no documento Ourense Merece Máis, e estudar a creación dunha empresa pública vinculada a este servizo.
Segundo Avante, esta estrutura permitiría ao Concello adquirir, rehabilitar, promover e xestionar directamente vivenda pública e asequible, incrementando progresivamente o parque municipal.
Unha das primeiras actuacións debería centrarse no Casco Vello, coa recuperación de edificios baleiros ou deteriorados e especial atención a zonas degradadas como a rúa Colón e a súa contorna. A formación considera que estas políticas tamén poden contribuír a recuperar poboación, actividade económica e patrimonio no centro histórico.
Medidas contra os grandes tenedores
Paralelamente, Avante Ourense propón á Xunta endurecer as medidas contra a acumulación de vivendas. Entre as súas propostas figuran ampliar os mecanismos de tenteo e retracto do IGVS. Tamén pretenden establecer unha fiscalidade autonómica progresiva sobre grandes carteiras inmobiliarias e reforzar os incentivos para mobilizar vivendas baleiras.
Nas zonas declaradas como mercado residencial tensionado, a formación reclama utilizar todas as ferramentas previstas na lexislación para reforzar a intervención pública e aumentar a oferta de vivenda.
Francisco Diéguez defende que “non podemos seguir falando de vivenda mentres as administracións se limitan a observar o mercado”. O representante de Avante aposta por un Concello que “compre, rehabilite e poña vivenda pública a disposición da xente” e por unha Xunta máis esixente cos grandes propietarios.

