O obradoiro dual de emprego Portas do Xurés II formará 20 persoas desempregadas en albanelería e carpintería nos concellos de Bande, Lobeira e Lobios, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, visitou este xoves Bande con motivo do inicio da iniciativa. Estivo acompañado pola alcaldesa, Sandra Quintas; o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias; e o tenente de alcalde de Lobios, Jesús Rodríguez.
O obradoiro Portas do Xurés II forma 20 persoas desempregadas
O programa contará con dous módulos de formación: dez prazas en operacións auxiliares de albanelería de fábricas e outras dez en actividades auxiliares de carpintería e moble. Os participantes combinarán a aprendizaxe teórica e práctica con traballos remunerados de interese público e poderán obter un certificado de profesionalidade.

Pardo destacou que estes programas buscan mellorar a empregabilidade, recuperar espazos públicos e colaborar cos concellos na creación de oportunidades laborais. O delegado animou o alumnado a aproveitar esta formación para adquirir competencias adaptadas ás necesidades do mercado de traballo.
Actuacións nos tres concellos
En Bande, os traballos inclúen o acondicionamento da contorna da capela da Magdalena, a reparación da cúpula do forno e da cuberta do matadoiro. Tamén inclúe melloras nas fontes lavadoiro de Sarreaus e na fonte Badella.
En Lobeira, o alumnado acondicionará as fontes lavadoiro de Buín, en Senderiz, Sabariz e Gaias.
Pola súa banda, en Lobios realizaranse tarefas de mantemento na ruta da Poza de Seima-A Cela e na área recreativa da Portaxe, ademais da limpeza dos lavadoiros de Bufaces e Herdadiña e da mellora dos vestiarios do campo de fútbol.
O programa completarase coa instalación de cubricións para contedores en diferentes puntos dos tres municipios.

