As candidatas socialistas Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea reuníronse coa Asociación Diabética Auria e Amigos da República para coñecer as súas demandas.
As candidatas do PSOE ao Congreso e ao Senado por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea, mantiveron dous encontros con entidades sociais da provincia para abordar cuestións relacionadas coa sanidade pública, a atención ás persoas con diabetes e a memoria democrática.
O PSOE de Ourense aborda os dereitos sociais e a memoria democrática
Na reunión coa Asociación Diabética Auria, as representantes socialistas coñeceron as dificultades que afrontan as persoas con diabetes, especialmente as listas de espera, o acceso ás revisións oftalmolóxicas, a atención endocrinolóxica e a coordinación entre os distintos niveis asistenciais.

A entidade tamén reclamou reforzar a educación diabetolóxica, a prevención e a participación das asociacións de pacientes na planificación sanitaria.
Posteriormente, as candidatas reuníronse con Amigos da República para tratar o recoñecemento das vítimas da represión franquista e a recuperación, conservación e divulgación da memoria democrática.
O PSOE propón impulsar unha axenda de dereitos que inclúa unha atención integral ás persoas con enfermidades crónicas, maior participación das asociacións de pacientes e novas iniciativas de investigación e recuperación da memoria histórica, con especial atención a Ourense.
«Os dereitos non poden quedar só no papel», sinalaron as candidatas, que defenderon manter un diálogo permanente co tecido asociativo para incorporar as súas demandas á acción institucional.

