A Deputación de Ourense distinguiu a traxectoria centenaria da Coral De Ruada co Premio Ourensanía 2026 e concedeu unha mención honorífica a título póstumo á científica Marita Souto.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou a contribución de ambas as homenaxeadas á identidade ourensá e anunciou a creación dun espazo na Biblioteca da Deputación dedicado ao legado investigador e divulgador de Marita Souto.
A Coral De Ruada recibe o Premio Ourensanía 2026
Menor definiu a Coral De Ruada como unha «expresión do sentir ourensán» e lembrou a súa vinculación coa cultura e a lingua galegas desde a súa fundación en 1918. Tamén puxo en valor o seu papel como embaixadora da provincia e a súa relación coas figuras da Xeración Nós.

A presidenta da agrupación, Fátima Malingre, recolleu o galardón e dedicou o recoñecemento ás persoas que formaron parte da entidade ao longo da súa historia. Definiu a Coral como «un fogar aberto onde a tradición non queda gardada nun caixón: ensínase, cántase e compártese».
Malingre reivindicou a aspiración da agrupación a ser «a encarnación do espírito de Ourense; aberto ao mundo, pero con raíces fondas» e sinalou a incorporación das novas xeracións como un dos principais retos para garantir a continuidade do patrimonio musical galego.
Un espazo para o legado de Marita Souto
A mención honorífica a título póstumo a Marita Souto recoñeceu a súa achega científica ao estudo das augas e do patrimonio termal ourensán. Durante a homenaxe, Menor anunciou que a Biblioteca provincial reunirá nun espazo propio os libros, estudos e traballos que a científica cedeu para facilitar novas investigacións sobre o termalismo.
A iniciativa responde á última petición que Marita Souto trasladou ao presidente provincial. Menor comprometeuse así a dar continuidade ao seu labor investigador e divulgador.
En representación da familia interveu o seu neto, Daniel Alexio Nanín Pascual, que agradeceu o recoñecemento e lembrou a súa avoa como unha muller traballadora, esixente e comprometida cos proxectos que impulsaba.
Ademais, pediu ás institucións que manteñan o compromiso coa defensa do patrimonio termal da provincia e co funcionamento e continuidade das súas instalacións e recursos.

