A candidata nacionalista abriu a campaña do 29N en San Lázaro e apelou a romper con catro décadas de bipartidismo.
Noa Presas, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, iniciou a campaña electoral coa tradicional pegada de carteis no Parque de San Lázaro, onde asegurou que a formación nacionalista aspira a conseguir o primeiro escano por Ourense nas eleccións do vindeiro 29 de novembro.
Noa Presas aspira ao primeiro escano do BNG por Ourense
Presas cualificou a cita electoral como unha «oportunidade sen precedentes» para romper con máis de 40 anos de bipartidismo e defendeu a necesidade de que a provincia conte cunha voz propia en Madrid.

A candidata afirmou que o BNG afronta os quince días de campaña «saíndo a por todas» e destacou o papel da militancia, da que dixo que «vai dar o mellor de si«, a pesar de non contar co espazo televisivo das grandes formacións.
Presas tamén se dirixiu ás persoas decepcionadas coa política e presentou o BNG como unha alternativa para defender os intereses de Galicia. «O útil é ir a Madrid para facer valer Galiza, non para obedecer«, sinalou.
A nacionalista rematou cun chamamento a superar as enquisas e conseguir representación no Congreso para que Ourense poida reclamar melloras para a cidadanía.

