A estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas será unha prioridade para un futuro Goberno do PP, segundo comprometeu a candidata popular ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, tras reunirse coa Asociación de Empresarios do polígono industrial.
No encontro participaron tamén o europarlamentario Adrián Vázquez Lázara, varios integrantes da candidatura popular e a alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa.
Ana Belén Vázquez reclama a estación de mercadorías de San Cibrao
A reunión serviu para analizar as infraestruturas pendentes e trasladar as principais demandas das empresas.

Ana Belén Vázquez lembrou que o Congreso aprobou en 2021 un acordo para impulsar a estación de mercadorías e acusou o Goberno de Pedro Sánchez de non cumprilo. «Ímola facer realidade», asegurou, comprometéndose a trasladar esta reivindicación a Alberto Núñez Feijóo se chega á Moncloa.
A candidata tamén defendeu menos impostos, menos burocracia e maior seguridade xurídica para facilitar os investimentos e a creación de emprego. Entre as propostas do PP figuran reducir un 35 % as cargas administrativas das pemes antes de 2029, ampliar os incentivos fiscais aos investimentos e favorecer a contratación por parte das empresas.

