A versión 3.0 presentada polo alcalde de Ourense non convence en Seixalbo onde seguen vendo unha redución das frecuencias actuais que ten o servizo de autobuses urbanos.
Tras presentar a proposta inicial para reformular as liñas do transporte urbano, a Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo enviou unha carta ó alcalde de Ourense. Xosé Carballido, presidente da Asociación, indicaba nesa carta que Seixalbo vería reducida a frecuencia de autobuses na nova disposición das liñas.
A versión 3.0 non convence en Seixalbo
Poucos días despois, o goberno municipal presentaba a versión 2.0 da nova distribución das liñas. AS modificacións presentadas melloraban as frecuencias de algunhas liñas. Sen case tempo para analizar esas modificacións, o alcalde presentou xa a versión Alpha 3.0.
Nesta nova proposta, Seixalbo tería unha frecuencia de autobuses de 30′. Servizo que a Asociación considera insuficiente fronte os 15′-20′ minutos actuais. Por ese motivo, a Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo remite unha nova carta a Gonzalo Pérez Jácome para explicar as súas reivindicacións.
Carta da Asociación San Breixo ó Alcalde de Ourense
Estimado Sr. Alcalde:
Completando á información da carta remitida o 4 de outubro, e tras as modificacións das últimas propostas e das conversas que mantivemos nos últimos días, tal como figura na súa páxina de FB, a última versión, Alpha 3.0, contempla unha optimización da líña TRONCAL Norte-Sur que se bifurcará nos seus extremos para integrar más destinos. Entendemos que a liña Covadonga-Expourense sería ampliada ata o Cumial, permitindo así aumentar as frecuencias desde o Cumial ao Norte e viceversa.
Certamente, isto mellora as frecuencias cada 30’ que contemplaba a versión Alpha 2.0, pasando a ser cada 20’, pero reiteramos que empeora a situación actual (frecuencias cada 15’-20’ con paradas no interior de Seixalbo e no Centro de Saúde da Cuña, así como a necesidade de transbordo para coller o tren ou o transporte interurbano). Polo tanto, significa UN PASO ATRÁS respecto da situación actual.

Situación actual de SEIXALBO :
Queremos destacar que NON son os “autobuses de Seixalbo”, son Liñas transversais Norte-Sur que pasan por Seixalbo, pero que dan servizo a toda a poboación de Ourense.
Liñas NORTE-SUR (Subida)
Neste momento circulan 31 autobuses diarios (6 cada 20’ e o resto cada 15’)
Liñas SUR-NORTE (Baixada)
Neste momento circulan 30 autobuses diarios (8 cada 20’ e o resto cada 15’)
Polo tanto, temos o 77% de frecuencias cada 15 minutos e 23% cada 20 minutos.
Dúas das liñas entran (e saen) ao interior de Seixalbo e as outras dúas hai que collelas na carretera
Resumo:
- Temos acceso directo ao Centro de Saúde da Cuña e Universidade Laboral cada 30’ desde o “interior de Seixalbo” (importante para xente maior e menores)
- Temos acceso ao centro (Posío, Alameda e Parque) cada 15’
- Temos acceso á Estación Intermodal (Tren e Bus interurbano) cada 20’
Calquera cousa que “rebaixe” estas prestacións, evidentemente EMPEORA a situación actual; polo tanto, estando de acordo en que hai que mellorar outros barrios, consideramos que debe facerse “SUMANDO” e non RESTANDO.
Si tal como manifestou vai incrementar o número de vehículos e de condutores, posiblemente sexa útil destinalos a eses barrios máis deficitarios.
Posibles Melloras que solicitamos:
- Acceso directo á Residencia e a San Francisco
- Algunha liña que entre ao Campo de Fútbol do Carqueixal (único do Sur de Ourense)
- Moucho Bus ata Seixalbo
Cuestións que consideramos inasumibles:
- Que se supriman a actual parada no interior de Seixalbo
- Que se suprima o acceso ao Centro de Saúde da Cuña
Cuestións que empeoran, pero “tolerables” se van en beneficio de outros barrios:
- Pasar a tres frecuencias por hora en vez das catro actuais (autobuses cada 20’ en vez de cada 15’)
- Necesidade de transbordo para ir á Intermodal de ferrocarril e transporte interurbano
AUTOBUS URBANO (Situación actual das Liñas transversais Norte-Sur)
Como xa indicamos, NON son os “autobuses de Seixalbo”, son Liñas transversais Norte-Sur que pasan por Seixalbo con alta carga anual de usuarios: (Datos PMUS 2011)
- Liña 1 : 534.732 (Seixalbo-Quintela)
- Liña 2 : 289.042 (Seixalbo-Cudeiro)
- A Liña 14 : 388.551 (Cumial-Viso)
- Liña 33 : 317.768 (Cumial-Quintela)
Total : 1.530.093 usuarios
Esta carga, loxicamente, non se corresponde cos 1.000 residentes en Seixalbo nin cos outros 1.000 da Urbanización zona “Eroski”, Piñeiral, Bemposta, Zaín e Cumial, nin das poboacións limítrofes de Reboredo, Ponte Noalla e Polígono, senón que son tránsitos intermedios.
Estas liñas sumadas as Liña 12 (Expourense-Pino), Liña 13-B (Cuña-Palmés), Liña 16 (Expourense-Vinteún) fan que o tránsito Norte-Sur desde Mariñamansa (e viceversa) teña xa na actualidade frecuencias de 10 minutos.
Polo tanto, insistimos que non é necesario modificar sensiblemente estas liñas para deseñar novas rutas e frecuencias en aquelas zonas con servizo deficitario. Coincidimos plenamente en que hai que mellorar a comunicación en distintos barrios, pero non empeorando o que xa funciona. Como refire a sebedoría popular, “de pouco vale desvestir un santo para vestir outro”
Agradecemos as atencións prestadas ás nosas aportacións e lexítimas reivindicacións, e coa esperanza de ser consideradas, reciba un cordial saúdo.
Xosé Carballido Presas
Presidente Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo