O PSdeG de Ourense denuncia que, dende a chegada de Gonzalo Pérez Jácome á Alcaldía, as entidades veciñais e do rural atopan grandes dificultades para trasladar as súas demandas ao goberno municipal.
Desde o grupo municipal socialista no Concello de Ourense advertiu esta semana sobre a falta de atención do goberno local ás demandas das asociacións veciñais, especialmente nas zonas rurais da cidade.
O rural de Ourense, esquecido polo goberno de Jácome, segundo o PSdeG
“Dende que Gonzalo Pérez Jácome chegou á Alcaldía non só as diferentes entidades da cidade atopan difícil poder trasladar as súas demandas ao executivo municipal, senón que as asociacións veciñais tamén encontran un muro de contención”, declarou a voceira socialista Natalia González Benéitez.
A portavoz puxo como exemplo o barrio das Curuxeiras, onde, segundo os socialistas, a veciñanza leva anos sufrindo a precariedade dos servizos públicos. “Canto máis se se trata das persoas que viven nos barrios do rural, aínda que paguen os mesmos impostos que as que viven no centro da urbe”, engadiu González Benéitez.

Dende o PSdeG lamentan que as peticións de melloras sinxelas e cun custo asumible sigan sen resposta por parte do goberno de Democracia Ourensana (DO). “A falta de vontade política de DO volve a ser o denominador común para que este barrio conte con deficiencias básicas que levan anos sen atopar resposta por parte de quen goberna”, apuntou a tamén secretaria xeral do partido na cidade.
A situación, segundo denuncian, repítese noutras zonas rurais de Ourense que xa foron visitadas polos socialistas. Estes detectaron vías principais en mal estado que precisarían dunha intervención integral. “No caso de As Curuxeiras urxe realizar obras que vaian máis alá dos parches e recheos de fochancas”, insistiu González Benéitez tras reunirse coa AVV As Laxas, cuxo traballo destacou.
Ademais dos problemas viarios, a veciñanza denuncia fallos recorrentes no subministro eléctrico, que deixan algunhas rúas sen iluminación durante días. Tamén reclaman dende hai tempo a mellora das instalacións deportivas, especialmente dos vestiarios, danados por actos vandálicos e en mal estado.
“É unha mágoa que un enclave único e con tanto potencial non reciba, por parte do rexedor e o seu equipo de goberno, a atención que merece”, concluíu a portavoz socialista.