O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiron esta mañá no salón de plenos do Concello ao equipo feminino do Club Atletismo Ourense para felicitalas polos seus recentes logros deportivos.
O conxunto ourensán vén de completar unha tempada histórica na que se proclamou campión galego tanto en pista cuberta como ao aire libre, e logrou o ascenso á Primeira División Nacional.
Homenaxe institucional ao Club Atletismo Ourense polo seu ascenso
Na fase final celebrada a pasada fin de semana en Valladolid, o equipo rematou segundo, só por detrás do F.C. Barcelona, conseguindo así unha das dúas prazas de ascenso en xogo.

Durante o acto institucional, o alcalde destacou a dificultade do fito acadado e puxo en valor que se trata dun equipo formado integramente por atletas da provincia.
“O que estamos facendo aquí con xente da casa é impresionante”, sinalou Pérez Jácome, quen animou ás deportistas a continuar traballando con ilusión e prometeu recibilas de novo no futuro para celebrar novos éxitos.
Ao acto asistiron tamén o presidente do Club Atletismo Ourense, José Antonio Álvarez, o directivo Óscar Seoane e unha ampla representación do equipo, con 19 atletas presentes.