Deportes

O Sanysec Ourense Atletismo logra o ascenso á División de Honra

O Sanysec – Club Ourense Atletismo proclamouse campión da Primeira División da Liga Iberdrola e logrou o ascenso á División de Honra, a máxima categoría do atletismo estatal por equipos.

O conxunto feminino ourensán consegue así o seu segundo ascenso consecutivo e volverá competir entre a elite nacional. Esta situación non se producía desde a tempada 2009-2010.

O Sanysec Ourense Atletismo logra o ascenso á División de Honra

A final disputouse en Pamplona e reuniu ao Sanysec – Club Ourense Atletismo, AD Sprint, Oviedo Atletismo, CA Safor-Teika, Lleida UA, Atletismo Alcorcón, DELSUR Coop La Palma e SG Pontevedra. A competición mantívose moi igualada ata as últimas probas, aínda que as ourensás lideraron a clasificación durante toda a xornada.

O Sanysec Ourense Atletismo logra o ascenso á División de Honra
Foto: Club Ourense Atletismo

O primeiro triunfo chegou da man de Blanca Pereira, que se impuxo en lanzamento de martelo cun mellor intento de 61,15 metros. A partir dese momento foron chegando máis vitorias para o equipo ourensán, con Manuela Blanco na pértega (3,88 m), Sabela Castelo nos 3.000 metros (9:48.50), Iria Solera en altura (1,76 m), a venezolana Andrea Michelle Purica nos 100 metros (11.63), Aitana Capeáns en peso (14,03 m, mellor marca persoal) e a colombiana Yiset Magali Jiménez en xavelina (58,18 m).

Con sete triunfos individuais como base, o Sanysec chegou aos relevos finais en posición de privilexio. Un quinto posto no 4×100 metros e unha oitava praza no 4×400 foron suficientes para certificar o título e un ascenso histórico á División de Honra xunto coa AD Sprint de Madrid.

Ademais, Andrea Michelle Purica recibiu o premio á mellor marca da competición segundo a táboa internacional de puntuación de World Athletics. O seu rexistro de 11.64 segundos nos 100 metros foi valorado en 1.066 puntos, converténdose na actuación máis destacada da xornada.

Botón volver arriba