Avante Ourense denuncia o estado dos vestiarios utilizados polo persoal de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e reclama actuacións inmediatas para garantir unhas instalacións dignas aos profesionais sanitarios.
A plataforma afirma ter acceso a material gráfico que, segundo sinala, evidencia unhas condicións «absolutamente impropias dun hospital público do século XXI». Por este motivo, decidiu trasladar o caso á Inspección de Traballo e Seguridade Social, á Consellería de Sanidade e á Valedora do Pobo.
Avante Ourense denuncia o estado dos vestiarios de Urxencias do CHUO
Avante Ourense solicita que se comprobe o estado dos vestiarios, o cumprimento da normativa de seguridade e saúde laboral. Tamen solicitan, se procede, que se adopten medidas correctoras de maneira inmediata.

A formación considera especialmente grave a situación ao afectar o persoal que traballa diariamente nun servizo esencial e sometido a unha elevada presión asistencial. Tamén reclama á Consellería de Sanidade información sobre as últimas actuacións de mantemento ou reforma e un calendario concreto de acondicionamento se se confirman as deficiencias.
Francisco Diéguez cualifica a situación de «auténtica vergonza» e considera incompatible falar de excelencia na sanidade pública mentres os profesionais teñen que cambiarse nestas condicións. «Os profesionais do CHUO merecen respecto, e o respecto tamén se demostra ofrecéndolles unhas instalacións dignas», afirma.
A plataforma advirte de que non debe normalizarse a precariedade das instalacións polo simple feito de levar tempo existindo e reclama á Xunta de Galicia que actúe con celeridade.
«Ourense non pode ter profesionais de primeira traballando con instalacións de terceira», conclúe Diéguez.

