O concello de Barbadás lanza a campaña «Súmate a nós» coa intención de concienciar ós veciños das vantaxes de estar empadroado.
Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, e Victoria Morenza, tenente de alcalde, presentaron a nova campaña coa que pretenden incrementar a poboación censada no concello de Barbadás.
Barbadás lanza a campaña «Súmate a nós»
Para lograr este obxectivo, o concello informará daqueles servizos ós que os empadroados poden acceder e dos beneficios para o propio municipio.
Esta campaña de empadroamento faise nun momento no que o concello conta con 11.112 persoas segundo o censo de 2021. Os cálculos do concello sitúan nunha cifra entre as 1.500 e as 2.000 persoas as que residen en Barbadás sen estar empadroadas.
«Hai un traballo de campo feito por Protección Civil en canto a consumo de auga e de enerxía eléctrica e tamén polo que nos indica a empresa de recollida de lixo», indica o alcalde de Barbadás. Para o concello, aumentar o padrón municipal suporá un incremento dos ingresos procedentes do Estado. Desta forma, mellorarían os servizos prestados ós veciños e veciñas.
Mediante a difusión de 5.000 folletos que se repartirán nos buzóns de correo, informarase á poboación das vantaxes de estar empadroado. Bono transporte, piscina municipal, escolas deportivas, polideportivo e a escola infantil municipal son algúns dos servizos do concello no que teñen prioridade e vantaxes os empadroados.