Noticias

O BNG denuncia que decenas de familias quedan sen axudas de comedor en Ourense

O BNG denuncia que decenas de familias de Ourense quedan fóra das axudas municipais de comedor escolar, a pesar de contar con ingresos inferiores aos 333 euros mensuais por persoa.

As nacionalistas reclaman ao goberno local que amplíe as partidas destinadas a estas prestacións e revise os limiares de renda.

O BNG denuncia que decenas de familias quedan sen axudas de comedor en Ourense

A concelleira do BNG Rhut Reza critica que esta situación se repita cada curso e considera insuficiente o actual sistema de axudas. A formación nacionalista defende elevar o límite de renda per cápita anual ata os 4.000 euros para ampliar a cobertura ás familias con menos recursos.

O BNG denuncia que decenas de familias quedan sen axudas de comedor en Ourense
Foto: BNG.

“Nenos e nenas de familias con rendas mínimas non poderán facer uso do comedor escolar ao non recibir a axuda municipal”, advertiu Reza.

A edil cuestiona a xestión do goberno local e asegura que o Concello non está dando resposta ás dificultades económicas que afrontan numerosos fogares. “Vivimos épocas nas que aumentaron os fogares aos que lles custa chegar a final de mes, mesmo fogares nos que os seus membros teñen emprego”, sinalou.

Reza tamén apunta ao impacto dos alugueiros e dos gastos enerxéticos sobre as economías familiares. Neste contexto, considera necesario reforzar as políticas municipais destinadas a garantir o acceso aos servizos básicos.

“Que non nos conten lerias, están condenando aos que menos teñen”, sentenciou a concelleira nacionalista.

O BNG esixe ao Concello que dote de crédito suficiente as partidas das axudas de comedor para evitar que familias que cumpren os requisitos queden sen prestación. Ademais, reclama revisar os límites de renda per cápita para ampliar o número de fogares beneficiarios.

“É un goberno que non sabe facer, se soubese facer non levariamos unha década repetindo o mesmo erro ano tras ano”, concluíu Reza.

A formación nacionalista transmite así a súa posición sobre as axudas municipais de comedor escolar e reclama ao goberno local un cambio nos criterios e unha maior dotación económica.

Botón volver arriba