O BNG denuncia que as contas entregadas polo Goberno Local non permiten planificar o futuro de Ourense e carecen de documentos clave.
Desde o BNG de Ourense critican o proxecto de Orzamento Xeral enviado polo Goberno Local, logo de que o pasado venres o alcalde asegurase en Pleno que “co BNG non íamos perder o tempo en negociar nada”.
O BNG critica os Orzamentos de Jácome por carecer de investimentos
O martes, o Executivo de Jácome mudou de criterio e remitiu finalmente o documento aos grupos da oposición. Esta circunstancia motivou unha rolda de prensa na que o voceiro nacionalista, Luís Seara, valorou o contido das contas presentadas.

Seara agradeceu que, malia a negativa inicial, o documento fose finalmente entregado, aínda que advertiu de graves carencias. “Non sabemos se o que recibimos se pode considerar un Orzamento en si mesmo: falta o capítulo VI de investimentos e tamén documentación fundamental como o informe da Oficina de Xestión Económica e Orzamentaria, o de Intervención ou as actas da Mesa Xeral de negociación”, indicou.
O BNG lembra que o Concello continúa funcionando con orzamentos prorrogados dende antes da pandemia. “Levamos cinco anos cunhas contas obsoletas, que xa non responden á realidade actual. O seu desequilibrio, agravado polas reclamacións millonarias de concesionarias en precario, está comprometendo os servizos públicos”, subliñou Seara.
Segundo o nacionalista, o novo proxecto de Orzamento limita a actualizar as contas de 2020 sen ningunha planificación estratéxica. “Consolida o modelo caótico de Democracia Ourensana e recoñece como fórmula principal a modificación de créditos, sen proxectos definidos a curto ou medio prazo para o desenvolvemento da cidade”, afirmou.
Falta de investimentos
O BNG considera que esta ausencia de investimentos “constata que continuaremos vivindo a salto de mata, sen proxectos estruturais que impulsen a segunda gran transformación que Ourense precisa”. Con todo, Seara reiterou a disposición da súa formación ao diálogo: “Levamos meses reclamando este proxecto. Agora que o temos, e aínda que non nos satisfai, volvemos tender a man para negociar e mellorar as contas”.
Entre os investimentos prioritarios que propoñen figuran a recuperación da contorna das Burgas, a construción dun novo estadio no Couto e a transformación do actual nunha cidade deportiva, así como un plan ambicioso de rehabilitación e dinamización da zona histórica.
Tamén reivindican a inclusión do proxecto de soterramento da avenida Otero Pedrayo, ao tratarse dun vial de titularidade municipal, e a necesidade de reservar partidas para convenios con outras administracións que posibiliten novos proxectos.
O grupo municipal do BNG advertiu que, de non existir negociación previa, presentará emendas ao documento capítulo por capítulo durante o prazo habilitado, co obxectivo de corrixir dotacións insuficientes ou partidas sobredimensionadas. “Hoxe ofrecémos unha visión global. Pero as nosas propostas estarán presentes no debate, porque Ourense non pode seguir sen rumbo”, concluíu Seara.