Noticias

O BNG denuncia irregularidades no derrube da Casa de Baños

O BNG volve cuestionar a actuación do Concello de Ourense no derrube da Casa de Baños, que o portavoz municipal nacionalista, Luís Seara, cualifica de intervención “sen ningunha cobertura xurídica”.

As nacionalistas sosteñen que non se pode recorrer á tramitación de emerxencia tres meses despois do incendio, ocorrido a mediados de maio. Segundo explican, o artigo 120 da Lei de Contratos do Sector Público (LCSP) esixe unha actuación inmediata ante unha situación de emerxencia.

O BNG denuncia irregularidades no derrube da Casa de Baños

O BNG considera que, transcorrido este período, para acometer unha reparación, rehabilitación ou reconstrución sería necesario seguir a tramitación ordinaria ou, no seu caso, a urxente, contando previamente cun proxecto técnico aprobado e supervisado.

O BNG denuncia irregularidades no derrube da Casa de Baños
Foto: BNG

Seara lembra que o alcalde xustificou o derrube a pasada semana pola existencia dun informe técnico que recomendaba a actuación por motivos de emerxencia. “Desde logo, ese informe non temos constancia de que estea rexistrado”, afirmou.

O portavoz nacionalista engade que, segundo a súa interpretación da normativa, os informes de emerxencia deben elaborarse nos primeiros días posteriores ao sinistro, polo que considera que tres meses despois non se pode xustificar a actuación como emerxente.

O BNG denuncia a falta de autorización de Patrimonio

A formación nacionalista asegura tamén que non consta na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ningunha solicitude de autorización para intervir no inmoble.

O BNG denuncia que o Concello iniciou o derrube sen, segundo afirma, un informe de necesidade, documentación técnica suficiente nin a autorización de Patrimonio. Seara acusa o Goberno local de actuar “porque lles deu a gana” e de carecer de sensibilidade cara ao patrimonio da cidade.

As nacionalistas reclaman ademais explicacións á Xunta de Galicia, ao entender que ten competencias en materia de patrimonio. “Que é o que está a facer a Xunta de Galicia desde que se procedeu ao derrubo do inmoble?”, preguntou Seara.

Por último, o BNG reclama información sobre o destino dos elementos patrimoniais retirados da Casa de Baños, despois de que nas imaxes difundidas aparecesen depositados nun contedor.

Seara concluíu acusando o alcalde de “derivar responsabilidades” ante unha actuación que, segundo o BNG, presenta importantes dúbidas desde o punto de vista legal e patrimonial.

Botón volver arriba