O BNG denuncia que o derrubo da antiga Casa de Baños do Outeiro é consecuencia da “deixadez” do goberno local e asegura que a actuación incumpre os requisitos establecidos polo PXOM para os edificios catalogados.
Luís Seara, portavoz municipal nacionalista, lembrou que o inmoble conta cun grao de protección estrutural e que o Plan Xeral esixe un proxecto de rehabilitación previo á demolición, documento que, segundo o BNG, non existe neste caso.
O BNG acusa ao Concello de deixadez polo derrubo de Baños de Outeiro
Seara tamén sinalou que a ficha de protección do edificio obriga a someter calquera actuación ao ditame da Comisión Técnica Municipal de Protección de Bens Culturais (CTMPBC). Segundo os nacionalistas, esta comisión non foi convocada para abordar a intervención.

O portavoz do BNG criticou que o Concello non actuase nos últimos anos para recuperar o edificio, a pesar de que xa existira unha iniciativa municipal para a súa posta en valor. “Nada se fixo”, lamentou.
Os nacionalistas descartan ademais que a demolición poida xustificarse como unha actuación de emerxencia. Seara argumenta que, desde o incendio do inmoble, non se realizou ningunha intervención, polo que “se fose unha emerxencia, xa se tería actuado”.
O BNG asegura que non existe actualmente ningún proxecto nin documento técnico que determine o alcance das obras que se están executando ou das que se prevén realizar. Seara cualificou a situación de “auténtico disparate” e responsabilizou ao goberno local da perda dun elemento do patrimonio da cidade.

