O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ourense atópase actualmente en período de prórroga, á espera da renovación da concesión.
A licitación do novo contrato atópase xa na súa fase final, mais persisten as críticas pola xestión do servizo actual, prestado por Samaín Servizos á comunidade S.A., empresa que acumula reiterados incumprimentos.
O BNG acusa ao Goberno de Ourense de favorecer á empresa incumpridora no SAF
A concelleira do BNG, Rhut Reza, denunciou publicamente que “esta empresa demora constantemente as altas no servizo moi por riba do tempo establecido e faino diante da pasividade do Goberno Local”. Segundo explicou, Samaín vén incumprindo o contrato desde finais de 2022, motivo polo cal, en 2023, se lle abriu un expediente de penalización por ata cinco infraccións graves.

Reza alerta de que, “a día de hoxe, a concesionaria segue incumprindo, pero parece que ao Goberno de Jácome pouco lle importa”, xa que na nova proposta de adxudicación a empresa seleccionada é Clece S.A., que é a mesma compañía que vén prestando o servizo, só que baixo outra denominación.
O BNG tamén denunciou irregularidades no proceso de contratación. Afirman que “se ordenou modificar o informe técnico inicial, alterando as puntuacións sen xustificación, para favorecer á mesma empresa que leva tres anos de graves incumprimentos”.
Para a formación nacionalista, esta situación supón unha falta de respecto ás persoas usuarias do SAF: “Non merecen este trato por parte dun Executivo Local que mira cara outro lado e permite que a mesma empresa continúe xestionando o servizo”.